domingo, 15 de abril de 2012

CURSO "PSICOMOTRICIDADE E ATENCIÓN TEMPERÁ

O sábado 14 de abril, ás 10 da mañá tivo comezo o curso de formacion de AGAT "Técnicas e recursos relacionais para a práctica da Psicomotricidade en Atención Temperá" no Salón de Actos da Fundación "Down Compostela", en Santiago.


A primeira sesión foi inaugurada polo Presidente da AGAT, Jaime Ponte, quen presentou á relatora, Xoana Balado, con estas axeitadas verbas:

"Práceme presentarvos a Xoana Balado, pedagoga e psicomotricista, dende 1985, da Unidade de Atención Temperá de Ferrol

Dende hai case que 30 anos Xoana acode puntualmente cada maná á súa sala de traballo a encontrase con nenos e nenas temerosos, repregados, desorientados e as veces desconectados, incomprendidos e incomprensibles para as súas propias familias.

E cada mañá, afronta dun xeito humilde, metódico e paciente, a complexa tarefa de acoller eses temores ocultos, darlles sentido ás miradas desorientadas ou comprender as condutas máis erráticas e asociais.

Eu quero agradecerlle, en nome da Asociación galega de Atención Temperá, o seu esforzo por achegarnos dun xeito vivenciado e participativo as valiosas reflexións que ten elaborado dende a súa experiencia profesional e que van dende a comprensión da comunicación non verbal na primeira infancia ata a importancia antropolóxica dos rituais de saúdo e de despedida; que nos desvelan a semiose da cercanía e da distancia e que nos descubren as fondas raíces do comportamento xerárquico da nosa especie; que nos asoman á transcendencia terapéutica do diálogo e que nos revelan a eficacia cognitva e psicolóxica que pode ter no noso traballo a utilización  de recursos da literatura e da narrativa, da dramatización, do xogo e da representación.

Estou certo de que este curso vai ofrecervos a posibilidade de poñer en xogo inquietudes, dúbidas e recursos de grande utilidade para o voso traballo pero tamén espero que deixe en todas e todos nos un renovado poso de interese por afondar na apaixonante cultura da complexidade que é o desenvolvemento infantil e as relacións humanas"

A continuación, as máis de 20 persoas que participamos no curso, adentrámonos no mundo sensoriomotriz da mán de Xoana e rematamos, pasadas as oito da tarde, con moito cansancio pero con ganas de que chegue pronto o próximo sábado para seguir pasándoo así de ben e sobre todo para seguir comprendendo mellor o que pasa nos nenos e nenas con discapacidade e así poder traballar dun xeito máis doado na Atención Temperá.

No hay comentarios:

Publicar un comentario